segunda-feira, fevereiro 20, 2006

Contra Maquieiro

O prometido é débeda: aquí tedes dous poemas de 'Contra Maquieiro', o último libro de poesía de Xose Luís Méndez Ferrín.

Os comentarios déixoos para máis adiante. A título provisional, só dicir que o libro pareceume continuísta con respecto a títulos como 'A fin dun canto', anque carece de poemas da talla, por exemplo, do 'Tito Lucrecio Caro' que se atopaba no anterior. Nembargantes, trátase dun libro de Ferrín, co que iso significa: aínda en momentos baixos, ningún outro autor galego lle fai sombra.

Xa me diredes...

XXII

Cando el Maquieiro di que manda todo
tu pola caidanca díscola apañas nos pampillos
vas e
dis Robespierre con orgullo displicente pronuncias
Stalin
foron eles capaz de asaltar o que nin foi
desobedeces feramente tu
brava.

XXV

Digo eu agora non desexar palabras solidarias
estes son os herois dos nosos rangos
eles só
revoltados contra o Norte e contra a Altura
irmaos de bronce e de pexego fresco
este é Spartaco este Roi Xordo este o Partido
do Proletariado e os mortos coma area ou firmamento
este é Foucellas
este é o acto difícil de homenaxe en tempo de desertores
ao leal que deixou a vida confiado nun mundo que non chega
que non chega
entrementres Maquieiro dirixe o tráfego de cereais e ratos cegos.

7 comentários:

Anônimo disse...

Francamente, Manolo, dicir que ningun autor galego lle fai sombra o ultimo Ferrin paréceme unha peaxe inaceptable con respecto o que antes eramos e xa non somos. E o que o queira seguir sendo, sabe ben o que se fai.

N.

Anônimo disse...

Ver para crer. Manolo, non cambiaràs nunca! Que é iso de que ningun autor galego lle fai sombra, e que ò fin e ò cabo é un libro de Ferrin con todo o que eso conleva? Por favor! Ten razon certa persoa que en canto nos viramos xa nos negas duas veces. Eu non lin o libro, pero os poemas que colgaches son pesimos sen paliativos (e, a xulgar pola escolla, deben ser do mellor do libro). Caro, asi como é bo intentar xulgar sen perxuizos é igual de necesario xulgar sen ideas preconcebidas do tipo: se é de Ferrin ten que ser bo. Desmitifiquemos dunha vez os sobrevaloradisimos papa-chulos da nosa literatura e non perpetuemos as suas pegadas con "babosos" incondicionais que se agochan trala saia dos "Aleixandres" institucionalizantes - institucionalizqados, ou ainda mellor, eses deuses desexados e desexantes, coma dicia o meu amado Juan Ramon. Mal iriamos se sò fose esto o que nos queda de Auschwitz.

FraVernero disse...

Hehehehehehe...
Como esta bitácora só é cousa, paréceme, de comparatistas (máis aínda, case unha serie de soliloquios con Noel), permítome xogos privados de provocación...
Ninguén ten que pagar peaxes que non estexa disposto a pagar. Non me gusta practicar o Culto á Persoalidade (por certo, gracias rapaces por lembrarvos do meu aniversario e por ese libro de pósters maoístas... xD ). Nembargantes, ¿quen lle fai sombra a Ferrín? Mal que nos pese (porque libros coma o último son dunha frouxeira preocupante), un libro mediano-mal de XL como é este está moi por riba do resto dos publicados en galego.
Hai propostas distintas, algunhas vellas, algunhas novas. Estou seguro de que as novas, se traballan e maduran -e exercen a autocrítica algo mellor que os textos do Señor de Vilanova- poderán desprazar cómodamente aos pais... aquilo de matar a Ulm Roam e as pulsións deliciosamente edípicas...
Os dous poemas, a verdade, están escollidos a mantenta, e con lixeira mala fé. Hai poemas mellores no libro (anque tampouco un abismo), pero estes recollen ben o ton xeral, na clásica liña ferrinita que se vé nos últimos libros.
Eu non mitifico a Ferrín por ser canon. Deberiades sabelo tan ben coma min...

Anônimo disse...

Autocritica... vale, pero recordo en que outros ambitos era especialmente querida esa palabra. Escribin un poema dedicado a ti estes dias. Xa cho enviarei, Manolo. Eu coido que hoxe xa hai mellores poetas que Ferrin en Galicia. Se tivese que nomear so a un diria que certo amigo noso que ten unha moza dun pais do leste (e non digo o seu nome por se non lle gustasen estas palabras e o comprometo). O resto é negar que os momentos de acerto que existiron esvaecen ante a evidencia do que é un descenso (por non dicir caida libre) intelectual desde hai anos.


N.

Anônimo disse...

En primeiro lugar dicir que non sabia que houbera "peaxes que pagar", disculpa se non o fixen. En segundo, ninguen dixo que ti practicaras o culto à "Persoalidade", simplemente definin a sua existencia tan marcada no noso sistema literario, engadindo que hai que desmitificalas, non no referente ò seu rol como "institucionalizadores" de productores, senon ò seu rol como productores. En terceiro, dentro dun canon persoal xulgaria o Ferrin-productor como fixo Dante con Bonifacio VIII (nunca mellor escollido o simil tendo en conta a outra faceta mais explotada por X.L.), e me pos moi facil comezar a dar nomes de persoas que "dan sombra a Ferrin" (incluso saindo do ceo cristalino das amizades, remitindome a obras publicadas), pero non creo que sexa o caso nin o lugar para facelo. En cuarto, engadir que hai "propostas novas" que estan mais maduradas e dotadas de autocritica que toda a obra de Ferrin (un dos escritores menos autocriticos que conhezo). En quinto, lembrarche que esto de "desprazar òs pais" non pode ter lugar xamais se non existe un dialogo e se suceden as negacions sistematicas. E en sexto e ultimo lugar, apostilar que ninguen dixo que mitifiques a Ferrin polo feito de que estea canonizado, sei que o teu criterio (grazas a deus) non se rixe polo canon (coma persoa intelixente que eres), senon que é necesario revisar certas posturas que ocupan un lugar que non meritan, e comezar a valorar os productos independentemente de quen os produza. O dito.

FraVernero disse...

Hehehehe... abrúmasme, meu aprezado scardanelli...
Recoméndoche unha nota jocosa que introducín no meu blog principal. 'Pro maquieiro', chámase. Seguro que te botas unhas risas.
Ninguén ten que pagar peaxes que non estexa disposto a pagar. Somos libres, como as bolboretas. Máis que rendir tributo ao Señor Feudal, quizaves se trate de trazar unha Moi Persoal Constelación Benjaminiana de textos que nos axuden na construcción e no progreso daquilo que queremos facer.
Certamente no noso sistema literario temos cultos á persoalidade, mais témome que é unha lacra frecuente en todos (anque quizaves máis marcada en sistemas pequenos con escasas figuras, onde o peso do pai pode chegar a ser abafante para os novos).
¿Non te mollas cos nomes? xD pena, así discutiríamos. Hai propostas moi interesantes, pero discrepo cordialmente que cheguen a calidade do mellor XL... O peor (penso en 'Heriberto Bens') é moi posíbelmente rebasado amplamente nas autopistas literarias de algúns autores. ¿Cales? Xa mo dirás en privado... xD
Hai propostas novas interesantísimas, que se seguen progresando como ata o de agora, non dubido darán froita extraordinaria. Mais deixemos que o caldo vaia cocendo... Ferrín será pouco autocrítico, pero non é Yolanda: quero dicir que, chegado a onde chegou, pode permitirse sen grave perda certa comodidade e autocompracenza. Xa aportou, e dabondo. Sei que es ambicioso, e que non che satisfaría aquilo que tantas veces chamamos chegar a ser 'o máis sabio da aldea'...
Revisemos, revisemos. Estou dacordo na análise dos productos, e non no culto ás personaxes...

FraVernero disse...

Esquencía comentar o que dís do diálogo. A verdade, niso sorpréndesme: ¿cres que se dá frecuentemente entre autores e tendencias no campo literario? Máis ben a regla é a negación sistemática cara as posturas discrepantes da propia e que carecen de poder... Pero iso é sempre a dominante. A Tormenta e Impulso sempre son ferramentas necesarias...