sábado, março 11, 2006

Máscara de Traxedia



Esta que vos ensino aquí non escapou do Carnaval veneciano, trasna brincadeira na face dun cómico Arlecchino, tristeiro Pierrot ou tacaño Pantalone. Tampouco é un calco acartonado das máscaras gregas que sobreviviron na estatuaria e na pintura de cerámicas.
Non; ésta pertence e foi levada durante o Grande Ritual de Traxedia do noso breve século XX: o Gulag Soviético. Nun retrouso etimolóxico (latín non clásico mascus, masca - fantasma), a cuberta vai absorvendo aos seus portadores e trasformándoos nun Coro Tráxico de Sombras.
Con máscaras tapábanse o rostro os traballadores ao raso nun intento de gorecelos a temperaturas de 40 grados baixo cero. A da imaxe elaborouna o preso político Karlis Argalis nos anos cincuenta e na rexión do Amur.

sábado, março 04, 2006

Xogo para Arnaut Noel (e quen queira sumarse)

Como ben saberá o meu amigo e poeta, acosado polos monxes de Montaudon ("mas us fols mots c´om non enten"), o soneto é unha forma literaria de moi tardía introducción nas Illas Británicas. Hai que agardar ao século XVI e ás obras de Sir Thomas Wyatt e o Earl of Surrey, ou ao famoso volume de Philip Sidney 'Astrophel and Stella' (1591).
Certamente, Sir Thomas Wyatt tivo unha vida pintoresca (amante de Ana Bolena; embaixador ante o Papa e o rei de España-Emperador Alemán Carlos; varias veces preso na Torre de Londres, onde contemplou a execución da súa amada; e seu fillo á cabeza da famosa rebelión de Wyatt contra a raíña católica e o seu católico esposo, 'Philip of Spain'). Das súas viaxes por Italia parece que recolleu un hálito petrarquista, xa que traduciu moitas das súas rime ao inglés.
Velaiquí tedes unha mostra:

I find no peace, and all my war is done:
I fear, and hope; I burn, and freeze like ice;
I fly above the wind, yet can I not arise;
And nought I have, and all the world I seize on;
That locketh nor loseth holdeth me in prison,
And holdeth me not, yet can I 'scape nowise:
Nor letteth me live, nor die at my devise,
And yet of death it giveth me occasion.
Without eyen I see, and without tongue I 'plain;
I desire to perish, and yet I ask health;
I love another, and thus I hate myself;
I feed me in sorrow, and laugh in all my pain.
Likewise displeaseth me both death and life,
And my delight is causer of this strife.


Agora, a pregunta é (resólvase sen facer trampas e mirar no google, anque hai permiso para fuzar o que se queira no 'Cancioneiro'): ¿de cal das rime é este soneto unha transliteración?
A resposta, xunto con algúns comentario, deberá traer -a ser posíbel- o poema orixinal.