O prometido é débeda: aquí tedes dous poemas de 'Contra Maquieiro', o último libro de poesía de Xose Luís Méndez Ferrín.
Os comentarios déixoos para máis adiante. A título provisional, só dicir que o libro pareceume continuísta con respecto a títulos como 'A fin dun canto', anque carece de poemas da talla, por exemplo, do 'Tito Lucrecio Caro' que se atopaba no anterior. Nembargantes, trátase dun libro de Ferrín, co que iso significa: aínda en momentos baixos, ningún outro autor galego lle fai sombra.
Xa me diredes...
XXII
Cando el Maquieiro di que manda todo
tu pola caidanca díscola apañas nos pampillos
vas e
dis Robespierre con orgullo displicente pronuncias
Stalin
foron eles capaz de asaltar o que nin foi
desobedeces feramente tu
brava.
XXV
Digo eu agora non desexar palabras solidarias
estes son os herois dos nosos rangos
eles só
revoltados contra o Norte e contra a Altura
irmaos de bronce e de pexego fresco
este é Spartaco este Roi Xordo este o Partido
do Proletariado e os mortos coma area ou firmamento
este é Foucellas
este é o acto difícil de homenaxe en tempo de desertores
ao leal que deixou a vida confiado nun mundo que non chega
que non chega
entrementres Maquieiro dirixe o tráfego de cereais e ratos cegos.
